Powered By Blogger

¿Por qué DIÁLOGOS01?

Toni García


"Hoxe a civilización aparece cada vez máis involucrada nunha infinita concatenación de medios e fins no interior da cal, a finalidade converteuse no contido do motivo, e a utilidade elevada a significado xenera a falla de significado".
“The Human Condition”,  Hannah Arendt.



Estas palabras que Arendt escribe no 1958 serven hoxe para ilustrar unha das teimas da nosa sociedade, a valoración dos resultados por riba dos motivos e as necesidades que os fan útiles. Atopámonos cada día coa obriga de conseguir un obxectivo, moitas veces sen valorar o esforzo necesario para obtelo, ou sen reflexionar sobre a ganancia que obtemos tentando realizar ese cometido. Esta desmesura sen paciencia deixa pouco espazo á crítica, á reflexión sobre o significado dos nosos actos, e á valoración dos erros que cometemos.       

Faise necesario procurar espazos de debate e reflexión no medio da velocidade coa que acontecen as decisións que transforman os nosos xeitos de vida. Converter nun hábito a reflexión sobre calquera decisión é unha boa costume, obrigarnos a cuestionar as decisións, comparalas con outras, aportar alternativas e novos puntos de vista, é a mellor forma de melloralas e ser construtivos.

Con esta intención o colectivo de bolseiros da Fundación Barrié de la Maza decidimos abrir un espazo de debate ao que chamamos “Diálogos”, que procura ofrecer un punto de encontro para a reflexión sobre temas de interese social, co obxectivo de crear opinión e transmitir parte da experiencia adquirida na nosa formación no estranxeiro, propiciando o intercambio de ideas, e a reunión de persoas de distintas disciplinas cos axentes que están a tomar decisións sobre cuestións que afectan á nosa sociedade.

“Diálogos 01” celebrouse o 27 de Novembro de 2010 na sede da Fundación Barrié na Coruña, a mellora da capacidade investigadora en Galicia foi o tema escollido para este primeiro debate pola súa importancia para o noso futuro desenrolo, pola precaria situación dos investigadores e a falla de coñecemento que a nosa sociedade ten sobre o valor da investigación. O que neste blog se achega son as conclusións do debate e do traballo previo dos cinco grupos que trataron áreas relacionadas coa investigación científica, a innovación e o emprendimento en Galicia; tamén publicado no número 180 da revista GRIAL, no veran de 2011 http://www.editorialgalaxia.es/catalogo/libro.php?id_libro=0010350190.

A necesidade dun gran pacto galego pola investigación, de políticas máis ambiciosas de apoio á carreira científica, de coordinación e rendición de resultados nas iniciativas de apoio ao emprendimento, de máis implicación da empresa no esforzo investigador, de intensificación da relación comunidade científica-sector produtivo, e da optimización da posta en valor dos resultados de investigación, foron de xeito resumido os argumentos de poñentes e invitados ao debate.

Reflexionar sobre a mellora da capacidade investigadora galega é unha oportunidade para facernos pensar sobre as necesidades e recursos que ten o país, sobre como estamos organizando o seu futuro, sobre a necesaria planificación e previsión a longo prazo de programas e estruturas que permitan o noso desenrolo, o noso crecemento como sociedade, para situarnos no mundo e abrir espazos de relación onde a mellora da produtividade e a obtención de ganancias materiais sexa un motivo que teña coma fin a mellora da calidade de vida dos galegos.

A produción investigadora proporciona a base do futuro desenrolo económico, social e cultural dun país. Numerosos estudios e indicadores confirman que entre a metade e os dous terzos do crecemento económico dos países occidentais dependerá da innovación, entendida esta como o conxunto de procesos a través dos cales os avances científicos e tecnolóxicos se traducen en creación de riqueza mediante novos produtos e servizos. ¿Como debera ser a planificación da política científica para alcanzar estas metas?.

Faise imprescindible un modelo de investigación estable no tempo que permita establecer obxectivos a curto, medio e longo prazo, para coordinar e mellorar a situación do sistema público en relación ao sistema produtivo, os axentes financeiros, os operadores públicos e privados de capital risco, investidores privados, bancos e caixas de aforro. De xeito que se reduza a falla de recursos humanos na investigación, a atomización das actuacións, a dimensión insuficiente dos grupos e centros de investigación, a dificultade de incorporación de científicos e o desenvolvemento da carreira investigadora dos investigadores e investigadoras máis novos, a capacidade para levar a cabo estratexias innovadoras nas nosas empresas, a falla de especialización nos sectores de maior contido tecnolóxico, en innovación de produto, en utilización de tecnoloxías avanzadas de produción, de cooperación entre empresas… ¿Como acadar un gran pacto galego pola investigación coa participación do goberno autónomo, os partidos con representación parlamentaria, as universidades, asociacións empresariais, sindicatos, e outros axentes sociais?.

Son varios os actores que interveñen nos procesos de innovación, sendo unha actividade fundamentalmente empresarial na que poden influír as Universidades, os centros tecnolóxicos e as administracións públicas, facilitándoa ou incentivándoa dunha forma máis ou menos directa. ¿Cómo conseguir un mellor intercambio, coordinación e apoio á innovación entre todos eles?.

A porcentaxe de fondos de I+D da Unión Europea captado por Galicia está por baixo do que lle correspondería por investimento, un investimento que se fai pequeno se nos comparamos con outras partes de España e de Europa. Pero o problema non é tanto que haxa poucos fondos para I+D, senón en como se gastan. Precisase de accións estruturais profundas que incidan na creación de centros de investigación temáticos con autonomía financeira, que teñan un estrito control de resultados con expectativas dignas, que se non funcionan sexan pechados, onde o investimento privado este avalado por un sistema de I+D crible e eficaz para activar o papel da empresa. ¿Cómo facer máis competitiva á investigación en Galicia?. ¿Cómo preparar mellor ao noso sistema económico para acoller investimento que busque un impacto claro no entorno socioeconómico?.

A sociedade galega precisa de máis emprendimento, da necesidade de informar, educar e inspirar aos mozos introducíndoos no espírito emprendedor dende idades temperás, co obxectivo de crear un caldo de cultivo que asegure un panorama de futuro en Galicia cun alto índice de autoemprego baseado na creación de valor a partir do coñecemento. O que fai necesario un esforzo de avaliación e seguimento rigoroso das entidades que dan soporte ao emprendimento dende a etapa universitaria, coordinando e optimizando a súa eficiencia; aumentando a visibilidade dos emprendedores galegos como modelos positivos; establecendo programas, políticas e redes sociais para promover relacións fluídas entre os centros educativos, as empresas e a sociedade en xeral; potenciando a internacionalización das iniciativas emprendedoras; e reforzando a sensibilización en colectivos con menor tendencia cara ao autoemprego. ¿Como mellorar o sistema educativo para promover o espírito emprendedor entre os universitarios e investigadores (retornados) galegos?.

Estes e outros temas son obxecto da reflexión e debate dos primeiros “Diálogos”,  as conclusións a seguir no blog buscan ser compartidas, perseguen impulsar a visión da necesidade de instrumentos e políticas que melloren a nosa competitividade, observando e poñendo en valor estratexias que incentiven o desenrolo tecnolóxico e corrixan a nosa dependencia tecnolóxica. Polo que vos pedimos a todolos que nos visitedes comentarios e ideas que melloren as que nos propoñemos.

1 comentario:

  1. Onte se presentou na sede da Fundación Barrié en A Coruña o último número da Revista de cultura Grial que ten por protagonista a Diálogos 01, que na súa primeira edición estivo adicado a Investigación en Galicia.

    http://www.lavozdegalicia.es/coruna/2011/09/29/0003_201109H29C6994.htm#?idioma=galego

    A discusión entre os participantes foi moi animada podendo destacar dous aspectos:

    1. Entusiasmo da dirección e consello de redacción de Grial para seguir colaborando en novas edicións de Dialogos 01 dado o dinamismo, rigurosidade e pulo demostrado polos bolseiros da Fundación Barrié que participamos na primeira edición deste foro de diálogo independente.

    2. Necesidade de que o traballo feito ata o momento continúe evolucionando, polo que vos animamos a colgar as vosas aportacións ás conclusións e propostas de mellora sobre a situación de Investigación en Galicia que están recollidas neste blog.

    A dirección da Fundación Barrié tamen mostrou o seu apoio a esta iniciativa e nos apoiaran para millorar o entorno web no que nos comunicamos.

    Unha aperta
    Begoña Graña

    ResponderEliminar