Powered By Blogger

¿POR QUÉ É PRECISO UN MODELO DE INVESTIGACIÓN?

Begoña Graña, Sarela García, Augusto Villanueva
http://vimeo.com/18112867


É unha realidade que, nunha economía globalizada o investimento en ciencia e tecnoloxía perfílase como unha das principais forzas motrices do crecemento económico e como un importante factor que contribúe á evolución social e cultural. De feito, numerosos estudios e indicadores confirman que entre a metade e os dous terzos do crecemento económico futuro dos países occidentais dependerá, fundamentalmente, da investigación e innovación. Dada a súa relevancia é imprescindible un modelo de investigación estable no tempo que permita establecer obxectivos a corto, medio e longo prazo.

A Unión Europea (EU) por medio da Comisión Europea dispón dunha Dirección Xeral de Investigación no marco do Espacio Europeo de Investigación (ERA) [accesible en:http://ec.europa.eu/dgs/research/index_es.html], que ten coma misión impulsar a política da Unión Europea no ámbito da investigación e desenvolvemento económico e coordinar as actividades para contribuír a mellorar a competividade internacional europea. E tamén un obxectivo promover un debate público sobre cuestións relacionadas coa investigación a nivel europeo. O Sétimo Programa Marco de Investigación e Desenvolvemento (FP7) é o principal instrumento da Unión no financiamento da investigación en Europa e abrangue o período entre 2007 e 2013 (aproximadamente 54.000 millóns de euros en sete anos) [accesible en:http://ec.europa.eu/research/fp7/index_en.cfm]. Sinalar que o Sexto Programa Marco de Investigación (FP6) entre 2002 e 2006 apoiou a investigación española cun total de preto de 943.000.000 €. Entre os países da UE-27, España ocupa o posto 21 en termos de exportacións de alta tecnoloxía e o 15 en relación ao porcentaxe de participación exitosa no 7º programa marco (comparativamente, Alemania está nos postos 10 e 8 respectivamente).

O desenvolvemento rexional é esencial para aumentar a capacidade de investigación da UE. O ERA dispón de instrumentos rexionais de información [accesible en:http://cordis.europa.eu/regions/home_en.html] en España en Cataluña, Madrid, Valencia, Pais Vasco e Castela-Leon. En Cataluña toda a información vinculízase a través do Consell Interdepartamental de Recerca i Innovació Tecnològica (CIRIT) dependente da Generalitat [accesible en:http://www.gencat.cat/temes/cas/tecnologia.htm]. Entre os plans desenvoltos en Cataluña destaca o Pacto Nacional para a Investigación e Innovación, [accesible en:http://www.gencat.cat/diue/doc/doc_21644099_1.pdf] un acordo firmado en Outubro do 2008 entre o goberno catalán, os partidos políticos con representación parlamentaria, as universidades catalás, asociacións empresariais, sindicatos e outros axentes sociais. Dito pacto ten coma folla de ruta un guión compartido na investigación e innovación para os próximos anos e establece os compromisos de todos os axentes co obxectivo de permitir políticas estables e sinérxicas entre todos actores do sistema cara o horizonte do 2020. O obxectivo e achegarse ao 3% do PIB invertido en I+D en 2017, mentres que o investimento empresarial atinxiría 4,5%. A filosofía que subxace nesta iniciativa é o firme compromiso de diversos actores da sociedade catalana en potenciar un modelo productivo basado no coñecemento.

Dende Abril do 2010 Cataluña dispón do Plan de Investigación e Innovación (PRI) 2010-2013 [accesible en: http://www10.gencat.net/pricatalunya/cat/index.htm], a través do que o goberno catalán exerce as actividades de planificación, promoción e coordinación da investigación e innovación no país. Tamén é o principal instrumento en que apoia o desenvolvemento do Pacto Nacional para a Investigación e Innovación nos próximos catro anos. É importante sinalar que este plan cobre o período ata 2013, co fin de sincronizarse coa planificación Europea (FP7). A inversión prevista entre o 2010 e 2013 e de 5.308 millóns de euros.

Outra das líneas estratéxicas do modelo de xestión catalán e o programa ICREA (Institució Catalana de Recerca i Estudis Avançats [accesible en: http://www.icrea.cat/web/home.aspx]. A fundación ICREA foi creada con capitais públicos en 2000 co obxectivo de promover a excelencia da investigación en Cataluña. Súas estratexias están baseadas no contratación de científicos con recoñecida reputación co obxectivo de liderar novos grupos de investigación en Cataluña. ICREA segue o modelo dun ’institute without walls’ (instituto sen paredes), xerando convenios puntuais con centros investigadores consolidados do país onde os profesores-ICREA desenrolan a súa actividade productiva. No período 2000 - 2008, contratou 222 profesores (juniors e seniors) en distintas áreas: ciencias biomédicas e da vida (32%), ciencias experimentais e da matemática (27%), Ciencias Sociais(10%), ciencias humanas (13%) e novas tecnoloxías (17%). A nivel estatal é a institución con maior número de bolsas do Consello Europeo de Investigación [accesible en: http://erc.europa.eu/], as becas millor dotadas e competitivas que concede a Comisión Europea, o que demostra o éxito desta iniciativa.

Se analizamos a situación da investigación en Galicia, compre salientar que inda que dispoñemos dende 1993 da lei 12/1993, do 29 de xullo, de fomento de investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia co fin principal de coordinar os recursos [accesible en:http://www.xunta.es/dog/Dog1993.nsf/5168f626b2ff46e041256644003720d2/fc6023cbe7c232cec1257546005db9df/$FILE/16100D001P003.PDF], non dispoñemos dun pacto estable autonómico ao longo prazo para a investigación asinado por todos os axentes implicados, a semellanza do modelo catalán do 2008. O amparo desta norma, eixe legal da I+D+I na Comunidade Autónoma, foi creado o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.
O plan vixente ata o 31 de Decembro do 2010 foi o Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica 2006-2010-INCITE [accesible en: http://economiaeindustria.xunta.es/c/document_library/get_file?folderId=16234&name=DLFE-1301.pdf].

O obxectivo xeral do IN.CI.TE era Impulsar o crecemento económico e social de Galicia mediante a mellora da súa capacidade científico-tecnolóxica facilitando deste xeito a participación das empresas no proceso de innovación e a extensión dos beneficios da investigación ao conxunto da sociedade galega. Como indicadores se prevía chegar ao 1,5% de investimento en I+D sobre o PIB e que o esforzo empresarial constitúise o 50% sendo o orzamento total para eses 4 anos de 800 millóns de euros. Os beneficiarios eran todos os axentes do Sistema Galego de I+D+I: Sector empresarial, Sistema Público (universidades, Organismos Públicos de Investigación, Entes e Centros Públicos de Investigación), Centros tecnolóxicos, Parques Científico-Tecnolóxicos, Institucións sen ánimo de lucro e persóas físicas. Estaba estructurado en programas horizontais, xerais (15% do orzamento: Promoción Xeral da Investigación, Programa de Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación Competitivas e Programa Resultado-Valor) e sectoriais (30% do orzamento, Programa de Tecnoloxías Críticas Transversais, Programa PEME, Programa I+D suma, Programa de Innovación Empresarial, Programa de Proxección Exterior do Sistema Galego de Innovación).

Os programas horizontais definían os eixes centrais da actuación cunha dotación do 30% sobre o global e cos seguintes instrumentos: Programa de Recursos Humanos; Programa de Articulación do Sistema Galego de Innovación e Investigación: Programa de Comunicación e Sensibilización Social. O programa de Recursos Humanos tiña o obxectivo de definir unha carreira científica que posibilitase a formación e consolidación dos investigadores e lles permitise a integración estable dentro do sistema galego de I+D+I cun orzamento do 22% sobre o total (175 M €).

Sinalar que no ano 2010 non se tivo realizada ninguhna convocatoria de nova adxudicación do programa de recursos humanos a espera do anunciado programa TalentGalia, plan para contratar 64 investigadores de fóra da rexión, cun orzamento de 12,3 millóns de euros no período 2011-14 [accesible en: http://imit.xunta.es/portal/actualidade/novas/2010_09_21_javier_guerra_talentgalia.html?__locale=es] Actualmente existen diferentes programas (estatais e autonómicos) en España para levar a cabo unha carreira investigadora ben diferenciados en canto a número de contratos e a inversión de recursos.

Para finalizar este resumen e inicialo debate a procura de milloras na situación da Investigación en Galicia compre referirse as considerais finais recollidas no Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica 2006-2010 que pensamos resumen axeitadamente a situación actual (pax. 61-62) :

“A análise das fortalezas e debilidades do sistema de investigación e innovación amosa que Galicia presenta un enorme atraso con respecto ao da Unión Europea e unha significativa distancia con relación á media de España(...)

No sistema público de investigación, constituído polas universidades e os centros de investigación promovidos pola Xunta e polo CSIC e o IEO, as debilidades principais son a falta de recursos humanos suficientes, a atomización das actuaciónse unha dimensión insuficiente dos grupos e centros de investigación. Neste senso, existen verdadeiras dificultades para a incorporación de científicos e para o desenvolvemento da carreira investigadora dos investigadores e investigadoras máis novos, o cal dificulta a remuda xeracional e a consolidación de liñas emerxentes (…)

No ámbito empresarial os principais puntos débiles son, unha estrutura produtiva na que predominan as pequenas empresas, cunha capacidade moi reducida para levar a cabo estratexias innovadoras, ademais da falta de especialización nos sectores de maior contido tecnolóxico, destacan a escasa cultura innovadora empresarial e as debilidades en xestión da innovación, o que implica pouca innovación de produto, unha utilización limitada de tecnoloxías avanzadas de produción e unha baixa frecuencia de adopción de relacións de cooperaciónentre as empresas, en definitiva, dotadas dun estilo de xerencia pouco orientado ás redes e ás alianzas, que impide o acceso aos recursos e ao coñecemento (…)

Os axentes financeiros, os operadores públicos e privados de capital risco, investidores privados e bancos e caixas de aforro atópanse case que ausentes no sistema galego de I+D+I e poden ser de vital importancia para a construción e o impulso de novos proxectos de innovación empresarial, para a creación de empresas de base tecnolóxica e para a canalización do aforro privado á creación de novo tecido empresarial (…)

Así mesmo, a propia sociedade, ao esixir modelos de sustentabilidade e evolucionar cara a novos paradigmas sociais de participación coñecemento e creatividade, pode actuar como impulsora e catalizadora do sistema(…)

Ademais, a pesar de que as mulleres constitúen máis da metade do conxunto de licenciados universitarios, a súa presenza nos postos de dirección do mundo da investigación científica é moi escasa (…)

Finalmente, os recursos destinados por parte da Administración autonómica e do Estado á I+D+I foron insuficientes para impulsar o avance que require o sistema. Ademais, a avaliación da súa eficacia e o seguimento dos seus resultados foi unha práctica pouco frecuente(…)”


Preguntas:
- ¿É preciso establecer un modelo de investigación baseado no coñecemento e a innovación para o desenrolo de Galicia na Europa dos próximos anos?.
Entendemos que dispoñer dun modelo de investigación é indispensable se queremos nos próximos anos ser competitivos e situar Galicia no mapa do noso entorno europeo.

- ¿Temos un modelo de investigación en Galicia, entendendo como tal un conxunto de estructuras ben definidas encamiñadas á promoción, autoxestión, financiación, e avaluación da actividade investigadora xerada en Galicia?.
Entendemos que actualmente non existe un modelo de investigación en Galicia estable que permita crear estruturas e realizar proxectos a medio- longo prazo co obxectivo de que unha comunidade periférica como Galicia. poda ser produtiva no marco europeo.

- ¿Axudaría un plan de apoio ao “longo plazo” a investigación asinado por tódolos axentes comprometidos na toma de decisión a nivel galego? Dito doutra forma, ¿ten sentido un gran pacto social pola investigación dende e para Galicia similar ó feito en Cataluña?.
Pensamos que Galicia precisa unha folla de ruta compartida en investigación é innovación para os próximos anos que estableza a estratexia, retos, obxetivos así como o compromiso dos axentes sociais implicados. Pensamos que é ademais necesario establecer criterios de avaliación de resultados que fosen públicos. Este modelo de progreso debería fundamentarse na educación, investigación e innovación. Pensamos que as oportunidades para Galicia só existiran se as repostas os problemas actuais están ben orientadas, son sólidas, con visión o longo prazo e con resultados xenerados a velocidade precisa.












No hay comentarios:

Publicar un comentario