COMPETITIVIDADE DA INVESTIGACIÓN EN GALICIA

Carlos Mosquera Nartallo, Roberto López Valcarce, Pedro Comesaña Alfaro, Norberto Degara Quintela, Carmela González Troncoso, Gonzalo Vázquez Vilar


RESUMO

En Galicia temos bos investigadores que sitúan ás nosas universidades en lugares bastante dignos nas estatísticas de produción científica a nivel nacional. Sen embargo, hai poucos sitios ademais das universidades nos que desenvolver un labor investigador, o que dificulta a captación de talento e o retorno daqueles investigadores galegos moi ben formados que non atopan oportunidades aquí. Contamos con dous campus de excelencia e estanse a consolidar algúns centros tecnolóxicos  de recente creación, mais non é dabondo para tecer unha rede de coñecemento na que medren novas empresas ou se apoien as xa existentes. O investimento en I+D en termos relativos é baixo se nos comparamos con outras partes de España e, por suposto, de Europa, aínda que o sistema non está necesariamente preparado para acoller máis cartos que busquen un impacto claro no entorno socioeconómico: non só hai que gastar, hai que facelo ben. As nosas empresas non contan en moitos casos con persoal suficientemente cualificado para abordar retos investigadores, aínda que reciben subvencións para elo. En certas ocasións buscan o apoio das universidades e centros tecnolóxicos, pero falta apostar por investigación de maior impacto, xeración de coñecemento que se poida acabar trasladando á práctica. Hai que procurar buscar máis fondos fora de Galicia, estimulando ó mesmo tempo a competitividade dos nosos axentes. Todos os estamentos docentes, dende a escola primaria á universidade, poden axudar á crear unha cultura innovadora nos nosos xoves, xa que o capital humano é a chave do noso futuro.


Sobre a investigación universitaria

Cando falamos de investigación poñendo números enriba da mesa resulta evidente que Galicia non é un referente en case ningunha categoría, se ben é certo que hai indicadores que a sitúan en bo lugar dentro de España, sobre todo no que ten que ver coa investigación máis académica, tanto en cantidade como en impacto das publicacións. Así, se tomamos como fonte os estudos de SCImago[1] para os anos 2003-2008, temos que a Universidade de Santiago de Compostela ocupa o oitavo posto a nivel nacional, namentres a de Vigo o número 15 no que atinxe a cantidade de publicacións de ámbito internacional. Ditos postos melloran se ademais temos en conta o impacto das publicacións. En todo caso, a influencia da investigación española é baixa, cun ratio de citacións por publicación de 1,56 (como media ponderada de todos os  campos de investigación), por debaixo do  1,8 de Francia, 2,3 de Italia e 2,4 de Holanda (Fonte: Thomson Reuters). Igualmente, no ano 2009 a Universidade de Santiago de Compostela figura no décimo lugar, a Universidade de Vigo no onceavo e a Universidade de Coruña no 27 se nos referimos as patentes xeradas nas universidades españolas. Estes datos, sen ser malos, aportan pouca información sobre como permea na sociedade a investigación desenvolvida no seo das nosas universidades. Un bo desenvolvemento académico non ten que vir necesariamente acompañado do correspondente impacto no tecido socioeconómico máis próximo. Dito impacto non está tabulado, aínda que sería moi útil de cara á avaliación dos cartos que se introducen no sistema investigador.


Sobre as estruturas de investigación

En Galicia hai algúns investigadores de prestixio –menos dos que a todos nos gustaría- dentro dunha estrutura universitaria moi plana, baseada na estrutura de grupos de investigación do sistema universitario español,  sen xerarquías, onde os bos resultados, cando chegan, son froito normalmente do bo facer de individuos illados máis  que de boas planificacións, que no caso da contratación de persoal simplemente non son posibles. Tamén é certo que se  albiscan signos de mellora, polo menos na valoración do mérito e capacidade. Así, a Universidade de Vigo leva cinco anos  cun programa de promoción destinado a consolidar no seu persoal aqueles investigadores contratados con máis méritos, cun número anual de prazas moi limitado e esixente para o  que compiten todos os departamentos. Froito deste plan, coñecido como Plan Especial de Promoción do Persoal Docente e Investigador,  lévanse estabilizados uns 60 investigadores nos últimos anos de moi bo nivel. Igualmente, no marco do PGIDIT 2006-2010 articuláronse medidas de apoio para aqueles grupos de investigación máis relevantes e, igualmente, propiciáronse os agrupamentos de calidade. Ambas medidas ían na dirección correcta, quizás con certa descoordinación entre diferentes Consellerías na Xunta de Galicia, pero buscando apostar pola calidade e a masa crítica dos grupos investigadores.

Mais posiblemente é necesario revisar a investigación que se fai fora da Universidade, en centros de investigación de carácter público ou privado, coma un indicio significativo do dinamismo innovador do país. Aquí hai grandes diferenzas entre Comunidades Autónomas, con presenza de potentes centros de investigación en Cataluña ou Madrid, ou unha gran tradición de centros tecnolóxicos no País Vasco. Fronte a elo, Galicia conta de momento con poucos centros de investigación, aínda que se leva apostando dende hai varios anos por unha rede de centros tecnolóxicos que sirvan para dar soporte á industria galega en diversos sectores. A día de hoxe hai sete centros tecnolóxicos consolidados –Aimén, Anfaco-Cecopesca, Cesga, CTAG, Cetpec, Cetga, Gradiant- e un bo número doutros que non acaban de despegar.  É fundamental racionalizar esta rede, esixindo uns niveis de calidade competitivos, como poden ser os establecidos polo rexistro nacional de Centros de Innovación y Tecnología (CIT).


Sobre o investimento

O gasto total en I+D en España en 2008 foi de 1,35% do PIB (Galicia 1,08%), comparado co 1,5% de Portugal, 2% de Francia, 2,77% de EE.UU. e 3,75% de Suecia (Fonte: Eurostat). No ano 2009, de acordo cos datos publicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE), namentres España medrou do 1,35% ó 1,38%, Galicia baixou a súa porcentaxe en I+D ó 0.96%, pasando a ocupar o posto número 12 entre todas as comunidades autónomas. Para un PIB por habitante de 20.000 € aproximadamente (dato de 2009), como se ve aínda estamos moi lonxe do 1,5% en canto a investimento en I+D. De tódolos xeitos, as cifras de investimento en I+D poden ter unha dobre lectura, e ser consideradas como un síntoma da saúde do noso sistema innovador máis ca unha causa. Así,  unha elevada porcentaxe provén das arcas públicas, xa que  as achegas da industria son menores do 50% no caso galego. Por outra banda, Galicia non é quen de cubrir os fondos que ten asignados no  Fondo Tecnolóxico xestionado polo CDTI (Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial). Tales fondos supoñen 2.000 millóns de euros que se deben investir en España  en proxectos industriais de I+D ata o ano 2013, dos que a Galicia lle corresponden algo máis de 400 millóns. Na actualidade lévanse aprobados proxectos de carácter plurianual nunha contía aínda moi reducida sobre o total no caso galego, do que se desprende a dificultade de artellar grandes consorcios industriais que aborden retos tecnolóxicos á altura dos esperados no Fondo Tecnolóxico.

En canto ós proxectos competitivos do Programa Cadro europeo, Galicia recibía no 2006  o 1,5% do total de recursos chegados a España do VI Programa Cadro, namentres que contabilizaba  o 3,8% do total do gasto efectuado en España en I+D, quizais de novo un síntoma do desequilibrio existente entre os recursos propios e os captados fora para financiar a investigación. Neste sentido, un indicador ilustrativo  é a obtención en libre concorrencia de proxectos nacionais e internacionais, proxectos avaliados por pares en xeral e nos que se compite con centros de investigación e empresas doutras autonomías e países.  Aínda que non sempre se corresponde a calidade da investigación co financiamento obtido, dado que se está a profesionalizar en exceso a preparación de propostas, especialmente para o Programa Cadro da Unión Europea, os retornos responden, polo menos en parte, ó Curriculum Vitae do grupo investigador, á calidade da proposta e á facilidade para implicarse en consorcios e desenvolverse fora das nosas fronteiras. Nesta categoría, Galicia ten aínda un importante percorrido que facer. Coma se mencionou, Galicia aproveita os fondos do Programa Cadro nunha porcentaxe substancialmente menor á que lle correspondería por inversión en I+D.  Para mellorar é importante  fomentar a participación de ambos sectores, público e privado, en consorcios europeos. Neste sentido, os centros tecnolóxicos están chamados a  xogar un importante papel como axentes tractores das empresas.


Sobre a investigación na industria

O coñecemento xerado polos grupos de investigación acaba repercutindo en poucos casos na economía produtiva. Neste sentido, o Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (PGIDIT) 2006-2010 contaba entre os seus obxectivos coa promoción da I+D+i nas empresas, e o novo plan que se presentou recentemente  tamén parte desta premisa. De tódolos xeitos, non está claro que os mecanismos postos en marcha sexan os máis axeitados. Así, lanzouse recentemente o Programa XIGA para subvencionar a contratación por parte das empresas de titulados superiores que desempeñen labores de vixilancia tecnolóxica, prospectiva e xestión da I+D. Estará por ver que esas figuras non acaben desembocando en meros “cazadores de máis subvencións”, en lugar de fomentar realmente a I+D+i na empresa.

O papel do sector privado é decisivo para poder progresar na aposta polo coñecemento como elemento creador de riqueza. Temos en Galicia casos de empresas, algunhas multinacionais, de éxito recoñecido. Algunhas son tamén empresas que invisten en I+D como modelo de negocio, desenvolvendo desta maneira novos produtos que lles permiten competir. Lamentablemente son moi poucas aínda, e hai que buscar fórmulas para apoiar o lanzamento de iniciativas empresarias, sobre todo daquelas apoiadas nun coñecemento avanzado que se poida transformar en produto de interese para o mercado. Estas iniciativas poden xurdir, na maior parte dos casos, doutras empresas xa en marcha, de centros tecnolóxicos ou de universidades, a partir dunha necesidade detectada no mercado ou dunha traxectoria investigadora que acaba derivando nun produto ou liña de produtos. Para elo deben funcionar os mecanismos de investimento, xa que a día de hoxe o capital risco non acaba de eclosionar neste país como sería desexable. Igualmente é interesante contar con apoios expertos, é dicir, xente con experiencia no mundo empresarial e no lanzamento de novas ideas. Sen embargo, non tódalas empresas que se crean no seo da universidade merecen o calificativo de “spin-off” (ou “spin-out” como dirían os ingleses), e en certas ocasións poden acabar converténdose en competencia desleal a empresas xa existentes debido a cantidade de facilidades coas que contan, o que esperta os receos de numerosos empresarios.

No que atinxe á política de subvencións ás empresas para fomentar a súa I+D, polo de agora estase a ver que é pouco selectiva, e non acaba de impulsar un cambio de modelo por parte destas. Non resulta desexable que se empreguen estes cartos para mercar tecnoloxía fora de Galicia, nin de que se naturalicen como ingresos de carácter fixo e anual. Aínda con empresas exemplares, temos un tecido empresarial pouco vigoroso, con poucos casos de éxito na colaboración cos organismos de investigación. De calquera xeito, o modelo de colaboración universidade-empresa adultérase con facilidade por ambas partes, propoñendo por un lado e aceptando polo outro proxectos de escaso carácter innovador en ocasións.

O coñecemento xerado en universidades e centros de investigación e tecnolóxicos ten que ser mellor aproveitado para apoiar ás empresas xa existentes e catalizar a creación de novos proxectos empresariais. A todo elo axudaría apoiar  ás empresas máis competitivas e prometedoras, independentemente do seu tamaño, propiciando ademais a procura  de recursos fora de Galicia, de modo que poidamos estimular ó noso tecido produtivo e evitar que se adormeza co arrecendo das subvencións.

En Outubro de 2005, e xa antes da forte crise económica que se aveciñaba, o informe “Rising Above the Gathering Storm” recomendaba para os Estados Unidos, entre outras medidas, bolsas de 500.000 dólares anuais durante cinco anos para os mellores 200 xoves investigadores. Dito informe foi realizado pola National Academy of Sciences, National Academy of Engineering e Institute of Medicine, nun contexto de progresivo descenso da porcentaxe de achega norteamericana á ciencia e innovación mundial, medido en termos de patentes e publicacións científicas entre outros. A mensaxe é clara: hai que apostar polos mellores, fuxindo dunha mediocridade xeneralizada. Así, sería interesante apoiar a aquelas empresas con maiores posibilidades de levar a cabo unha I+D relevante, a partir de evidencias tan diversas como a capacitación do seu persoal, progresos realizados en proxectos previos, etc. Sería necesario repensar a estratexia de subvencións ó sector privado e financiar unicamente propostas de elevada calidade e con potencial innovador, evitando as subvencións sen máis. Por elo é importante facer un mellor seguimento das subvencións de I+D e promover a creación de propiedade intelectual. Resulta difícil entender que unha empresa poida facer I+D sen doutores no seu cadro de persoal ou, polo menos, empregados con contrastada experiencia investigadora. En definitiva, sería moi necesario repensar a política de axudas de I+D ó sector privado no seu conxunto. O novo Plan de Investigación, Innovación e Crecemento da Xunta de Galicia para o período 2011-2015, e que será posto en práctica pola nova Axencia de Innovación, será o marco no que habería que abordar estas apostas.

Igualmente é importante a cantidade, xunto coa calidade. Para que unha nova empresa saia adiante, téñense que ter creado moitas máis. No caso das empresas de base tecnolóxica, cun factor de risco engadido, o argumento é aínda máis contundente. Para ter uns retornos aceptables en financiamento de proxectos, é fundamental lanzar un gran número de solicitudes. Neste sentido, é necesario contar con máis persoal dedicado a I+D, e que Galicia, sen ser un polo de atracción de talento mundial, sexa polo menos un destino a considerar por aqueles investigadores que buscan opcións profesionais. Aínda que non nos constan datos neste sentido, é primordial que o fluxo de talento non sexa negativo, de modo que ademais de exportar investigadores, consigamos atraer polo menos a outro tanto. O entorno académico, a industria e, en xeral, calquera centro de investigación, deben ser posibles receptores de investigadores foráneos e daqueles galegos que desexen facer carreira aquí e que, en moitos casos, atópanse fora de Galicia. A universidade non é quen de acoller a todos aqueles investigadores formados aquí ou fora, e se necesita diversidade no sistema da man doutros centros, tanto públicos coma privados.


Conclusión

Unha Galicia competitiva en investigación require que toda a sociedade se vexa permeada por esta idea, para o que é fundamental a escola, dende a que se poden  estimular a curiosidade e inquedanzas dos rapaces. A universidade galega debe mimar o talento, e brindarlle aos seus estudantes un contacto temperán coa investigación, coordinando coa industria a realización de prácticas de contido innovador. Hai que perder o medo ao fracaso tan presente na nosa sociedade e que moitas veces atenaza diversas iniciativas. Os medios de comunicación poden xogar un papel decisivo, afastándose en moitos casos da vulgaridade coa que se anuncian iniciativas de calquera índole como grandes avances na investigación galega, buscando máis o sensacionalismo que un bo periodismo.

Finalmente, propoñemos coma liñas de actuación prioritarias as seguintes:
·         Fomentar  a contratación de investigadores por parte das empresas.
·         Seguir apoiando ós centros tecnolóxicos con capacidade competitiva a nivel nacional.
·         Favorecer o desenvolvemento de centros de investigación que non remeden a estrutura universitaria, senón que colaboren con ela dende outros mecanismos.
·         Financiar a investigación por obxectivos.
·         Facilitar a captación de investigadores estranxeiros e o retorno dos galegos.
·         Fomentar a participación de ambos  sectores, público e privado, en consorcios europeos.


[1] SCImago (http://www.scimago.es ) é un grupo de investigación interuniversitario dedicado á análise de información e visualización con especial énfase nos estudos de produción científica.

No hay comentarios:

Publicar un comentario