10 PROPOSTAS PARA MELLORAR A CAPACIDADE INVESTIGADORA EN GALICIA


01. Acadar un gran pacto galego pola investigación coa participación do goberno autónomo, os partidos con representación parlamentaria, as universidades, asociacións empresariais, sindicatos, e outros axentes sociais.

02. Crear un modelo de investigación estable non tempo que permita establecer obxectivos a curto, medio e longo prazo, para coordinar e mellorar a situación do sistema público en relación ao sistema produtivo, os axentes financeiros, os operadores públicos e privados de capital risco, investidores privados, bancos e caixas de aforro. De xeito que se reduza a falla de recursos humanos na investigación, a atomización das actuacións, a dimensión insuficiente dos grupos e centros de investigación, a dificultade de incorporación de científicos e o desenvolvemento da carreira investigadora dos investigadores e investigadoras máis novos, a capacidade para levar a cabo estratexias innovadoras nas nosas empresas, a falla de especialización nos sectores de maior contido tecnolóxico, en innovación de produto, en utilización de tecnoloxías avanzadas de produción, e de cooperación entre empresas.

03. Mellorar o sistema educativo para promover o espírito emprendedor. Só educando mentes creativas poderase fomentar a potencia innovadora da sociedade. O noso sistema educativo adoece, en todos os seus niveis, duns métodos baseados na aprendizaxe pasiva, máis que na formulación e resolución de problemas. A sociedade galega precisa de máis emprendimento, da necesidade de informar, educar e inspirar aos mozos introducíndoos no espírito emprendedor dende idades temperás, co obxectivo de crear un caldo de cultivo que asegure un panorama de futuro en Galicia cun alto índice de autoemprego baseado na creación de valor a partir do coñecemento. O que fai necesario o aumento da visibilidade dos emprendedores galegos como modelos positivos, establecendo programas, políticas e redes sociais para promover relacións fluídas entre os centros educativos, as empresas e a sociedade en xeral.

04. Preparar o entorno galego cara o desenrolo dunha cultura empresarial. O fluxo básico do proceso empresarial abrangue un compoñente de percepción de desexabilidade, que está moi ligado a factores socioculturais. O establecemento de medidas estruturais e de apoio financeiro debe complementarse con estratexias de promoción do autoemprego como forma atractiva e viable de desenrolo profesional. É preciso realizar actuacións dirixidas neste sentido. Analizar as circunstancias e características específicas de Galicia, a través da avaliación e do seguimento regular das entidades que dan soporte ao emprendimento. Creando un sistema de auditorías externas á universidade e á empresa, externas tamén ao país, con conclusións vinculantes. Fomentando o intercambio entre as distintas partes interesadas. Posibilitando a aprendizaxe e realización de esforzos coordinados e eficientes entre elas. Promovendo a internacionalización e participación do sector privado e público no proceso de educación para emprendedores, e fortalecendo ós grupos con menor iniciativa para o emprendemento e a empresa con actividades educativas dirixidas (por exemplo, para as mulleres e os residentes en áreas rurais).

05. Fomentar a capacidade de innovación, decidindo en que aspectos podemos ser competitivos e en cales podemos ser innovadores, contemplando a necesidade da innovación dende a investigación básica á aplicada. En rexións como a nosa, con estruturas de actividade económica de baixo nivel de innovación, debemos pensar que unha mellora nestes aspectos debera ser un elemento esencial de calquera estratexia de desenrolo futuro. Tanto a investigación como a innovación son imprescindibles para unha sociedade baseada no coñecemento, a primeira aporta o coñecemento, mentres que a segunda aporta un beneficio económico para a sociedade.

06. Facer máis competitiva á investigación en Galicia, preparando mellor ao noso sistema económico para acoller investimento que busque un impacto claro no entorno socioeconómico. A porcentaxe de fondos de I+D da Unión Europea captado por Galicia está por baixo do que lle correspondería por investimento, un investimento que se fai pequeno se nos comparamos con outras partes de España e de Europa. Precisase de accións estruturais profundas que incidan na creación de centros de investigación temáticos con autonomía financeira, que teñan un estrito control de resultados con expectativas dignas, que se non funcionan sexan pechados, onde o investimento privado este avalado por un sistema de I+D crible e eficaz para activar o papel da empresa.

07. Distribuír con obxectividade os recursos adicados a I+D+i. O problema non é tanto a contía dos fondos existentes para I+D, senón como se gastan. Padecemos as consecuencias dunha longa etapa na que os recursos para I+D e innovación non son prioritarios na estratexia de gasto, cun número moi grande de empresas con poucos asalariados e pouca capacidade de investimento en innovación, e co gasto máis elevado nunha investigación básica da que se aproveitan máis outros países que nos mesmos. Se falamos dun momento de crise no que se discute o cambio de modelo económico, vemos que a diferenza doutros países da UE, aquí na vez de estudar as necesidades do gasto en I+D e os sectores onde incrementalos, diminúe o gasto e non se produce reestruturación algunha que nos permita albiscar un futuro máis competitivo.

08. Facer máis eficaz o sistema de investigación para desenvolver novas estratexias de relación I+D+i. As universidades contan cunhas estruturas arcaicas de goberno baseadas nos modelos universitarios clásicos (departamentos con elevados niveis de endogamia, intereses de poder en conflito cos intereses dos proxectos innovadores e de transferencia, obrigas docentes que impiden a dedicación que requiren os procesos de innovación, etc), con modelos de xestión centrados na investigación, e con investigadores en precario que a miúdo temen compartir información competitiva coas empresas. Para favorecer a innovación e transferencia, as OPIs deberan converterse en “partners” fiables para as empresas, crear sinerxías, e non potenciais competidores desleais, e empregar modelos de xestión da innovación compatibles cos modelos de xestión empresarial. Para que se incrementen e prosperen os convenios coas empresas hai que flexibilizar as políticas de persoal que distingan os roles do investigador e do innovador/emprendedor, as políticas de contratación de novo persoal investigador/innovador, e desenvolver novos instrumentos de financiamento (capital risco, business angels, fundacións, etc.) que aposten e faciliten o artellamento de proxectos de innovación relevantes.

09. Achegar grupos de investigación e tecido empresarial. Mentres que o coñecemento e as ferramentas para adquirilo están nos centros de investigación (en Galicia, fundamentalmente nas universidades), os problemas e necesidades de mellorar produtos e servizos coñécenos as empresas. En Galicia o 90% das empresas son Pemes e só o 0.1% das empresas presentan algunha actividade investigadora. Polo que debe terse en conta as características do noso tecido empresarial favorecendo convenios e proxectos colaboradores entre institucións públicas de investigación e empresas que se encargarán da comercialización co apoio de xestores de transferencia. Permitindo a financiación privada da investigación en centros públicos e incentivando a creación de institutos de investigación privada. Fomentando a obtención de novos coñecementos sen esperar moitas veces un retorno a curto prazo, apostando por proxectos de investigación novidosos e arriscados, ao tempo que se desenvolven os programas focalizados en innovación e transferencia tecnolóxica que procuran un incremento do número de patentes e desenvolvemento empresarial.

10. Potenciar nas empresas a cultura innovadora. Hai que apostar polos mellores, apoiando a aquelas empresas con maiores posibilidades de levar a cabo unha I+D relevante, a partir da capacitación do seu persoal, dos progresos realizados en proxectos previos, etc. Facéndose necesario repensar a política de axudas de I+D ó sector privado cun mellor seguimento das subvencións de I+D, promovendo a creación de propiedade intelectual, financiando unicamente propostas de elevada calidade e con potencial innovador, e evitando as subvencións sen máis. Por elo, é imprescindible financiar a investigación por obxectivos. Seguir apoiando ós centros tecnolóxicos con capacidade competitiva a nivel nacional. Favorecer o desenvolvemento de centros de investigación que non remeden a estrutura universitaria, senón que colaboren con ela dende outros mecanismos. Fomentar a contratación de investigadores por parte das empresas. Facilitar a captación de investigadores estranxeiros e o retorno dos galegos. E fomentar a participación dos sectores público e privado en consorcios europeos.

1 comentario:

  1. Anónimo5.2.12

    Interesante documento del CSIC sobre funciones y organización del sistema publico español de I+D
    http://www.csic.es/web/guest/buscar?p_p_state=maximized&p_p_lifecycle=1&_contentviewerservice_WAR_alfresco_packportlet_struts_action=%2Fcontentviewer%2Fview&p_p_id=contentviewerservice_WAR_alfresco_packportlet&_contentviewerservice_WAR_alfresco_packportlet_nodeRef=workspace%3A%2F%2FSpacesStore%2F72df176b-2314-45f0-b7da-b56c664d11a4&p_p_mode=view&contentType=article

    ResponderEliminar