Powered By Blogger

INVESTIGACIÓN E INNOVACIÓN

Toni García, María Jesús Sobrido, Eduardo M. Sánchez Vila, Montse Fernández Prieto


¿Cal é o concepto de innovación?

Esta é a primeira cuestión que se formulou no grupo de traballo, e dou pé as primeiras cuestións na relación entre investigar e innovar, entre a súa necesidade e a súa causalidade. ¿Investigamos para innovar?, ¿é posible innovar sen investigar?, ¿debe ser toda a investigación innovadora?, e dicir, ¿debe ser toda a investigación aplicada ou tecnolóxica?. Creemos que non debe ser así, sen investigación básica non habería innovación ao longo prazo, ¿quén debe entón facer a investigación básica se semella que as empresas queren un resultado inmediato, un produto para a venda no mercado?. ¿Innovar e investigar son algo distinto ou complementario?.

O concepto de innovación foi introducido dende o ámbito económico a escomezos do s.XX, e desenrolado posteriormente dende mediados dos anos cincuenta debido ao interese pola innovación (tanto tecnolóxica coma non tecnolóxica) no desenvolvemento económico. Innovar é o conxunto de actividades que conducen á transformación dunha idea nun produto vendible, un novo produto ou ben a modificación dun xa existente para melloralo, ou coma proceso operativo na industria e no comercio, ou coma novo método de servizo social. Por investigación, en troques, enténdese o proceso a través do que obtemos novos coñecementos, normalmente a través do método científico baseado na xeración de hipóteses e corroboración ou refutación das mesmas a través de experimentos ou formulacións teóricas. Estes coñecementos poden ter unha aplicación práctica inmediata ou ningunha aplicación evidente, e o seu valor radicar no coñecemento por si mesmo.

Innovar non é o mesmo que investigar, e por isto deben existir políticas de financiamento claramente diferenciadas. Non é imprescindible investigar para innovar, xa que se poden realizar innovacións moi relevantes a partires do coñecemento xerado por outros. E tampouco é imprescindible innovar para investigar, xa que o novo coñecemento xerado na investigación xa ten valor por si mesmo. Innovar tampouco consiste necesariamente en desenvolver produtos máis complexos, xa que, de feito, grandes innovacións adoitan consistir en lograr o mesmo funcionamento de forma máis simple. Pero, tanto o proceso de investigación coma o de innovación parten da xeración de ideas.

A innovación conxuga dous aspectos complementarios: o creativo e o comercial. É dicir, para innovar non só é necesario idear algo novo senón que hai que trasladalo en forma de instrumento útil á sociedade ou de valor comercial, a innovación vista así é un concepto intimamente ligado ao de transferencia. O que implica, por unha parte, o recoñecemento dun mercado potencial ou dunha necesidade para o novo produto, proceso, servizo ou forma de organización e, por outra parte, como en todo proceso creativo, é necesaria a utilización de coñecemento, que pode ser de orixe comercial, xerencial ou tecnolóxico.

Despois dos anos oitenta do s.XX, conceptualizase a innovación coma  conxunto de actividades interrelacionadas e cuns resultados frecuentemente incertos. Neste contexto, as empresas non son axentes illados no proceso de innovación, senón que outros actores inflúen na innovación empresarial: outras empresas; clientes; provedores; institucións educativas e de investigación que facilitan man de obra cualificada ó mesmo tempo que son fonte de coñecemento científico e tecnolóxico; as administracións públicas de apoio á investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación; as infraestruturas de soporte á innovación; ou as entidades financeiras e os provedores de servizos de apoio á empresa.

Vista a complexa interdependencia entre innovación, investigación e economía, a capacidade de innovación amosase como un dos factores clave para a mellora da competitividade. Tanto a investigación como a innovación son imprescindibles para unha sociedade baseada no coñecemento. A primeira aporta o coñecemento, mentres que a segunda aporta un beneficio económico para a sociedade. En rexións como a nosa, con estruturas de actividade económica de baixo nivel de innovación, debemos pensar que unha mellora nestes aspectos debera ser un elemento esencial de calquera estratexia de desenrolo económico. Decidindo en que aspectos podemos ser competitivos e en cales podemos ser innovadores, contemplando a necesidade da innovación dende a investigación básica á aplicada, por terse comprobado que a adopción de medidas para fomentar a innovación estimula o desenrolo económico e a mellora da calidade de vida das poboacións afectadas.


¿Canto gastamos en innovación?

Segundo os indicadores rexionais de innovación europeos para o ano 2009 (http://www.proinno-europe.eu), Galicia situase entre as rexións por baixo da media no relativo aos recursos e aos resultados obtidos valorados conxuntamente. No relativo ao gasto público e das institucións educativas e investigadoras atopámonos un 36% por baixo das rexións europeas máis innovadoras, que ven a ser un pouco superior á media das rexións españolas. Mentres que a diferenza atopase no relativo ao esforzo privado ou empresarial, vemos que en Galicia é inferior ao que realiza o sector público, e ao revés do que acontece noutras rexións, incluso dentro das españolas, baixase da media. Se falamos das pequenas e medianas empresas (pymes), o porcentaxe das que realizan prácticas innovadoras respecto ao total cae en Galicia ao 50% por baixo en innovación de produtos ou procesos en comparación as rexións máis innovadoras, as que neste dato se aproximan algunhas españolas como Cataluña, e no relativo ao marketing u organización so alcanzamos un 25% do que nesas rexións se inviste.

Con esta lectura a situación en canto a resultados do sistema galego de innovación non é positiva. Se o gasto público é un 36% máis baixo, o privado un 39%, e o número de patentes un 61% menor que o das rexións españolas con máis innovación, so Cataluña xa duplica o número de patentes galegos, e malia así é un 24% máis baixo que o dos países líderes na UE. Observamos que a eficiencia é baixa en relación ao investimento, datos que empeoraron dende 2008 segundo o INE.

En troques os indicadores de facturación de novos produtos, así coma de emprego en industrias de media-alta tecnoloxía son algo mellores que os da transferencia, un 35% máis baixos que nas rexións máis innovadoras en facturación de novos produtos, e un 20% menor no emprego de media-alta tecnoloxía. O que se debe á presenza de empresas multinacionais que polo xeral non realizan en Galicia actividades internas de I+D. Explicando a nosa dependencia como usuarios de tecnoloxías alleas, mentres diminuímos a xeración das mesmas.

A inversión pública en actividades innovadoras que en 2008 alcanzaba 304 millóns de euros, reduciuse en 2009 en 12 millóns, mentres o esforzo das empresas se reducía en 297 millóns segundo os datos de esforzo en actividades de innovación do INE en 2009, publicados o pasado mes de decembro 2010 (48 millóns do gasto interno, e 249 do gasto non interno). Unha diminución que corta o aumento anual medio que ao longo da década 1995-2005 situárase no 9%, e que no 2007 chega ao ser do 23% en termos nominais.

Se nos fixamos no gasto en I+D/PIB en Galicia, vemos que en 2009 diminúe ao 0,96% despois de incrementase ao 1,03% entre 2006 e 2007, aínda por riba do 0,89% do PIB de 2003-2005, e lonxe das rexións españolas máis innovadoras e do 4% dos países líderes en innovación en Europa.

A distribución do gasto en I+D nos tres grandes sectores institucionais galegos (Empresa, Administración Pública e Ensino Superior) durante 2009 deixa ver que permanece estancado o volume de gasto en I+D executado polo sector público ao igual que o Universitario, e no sector empresarial apenas alcanza o 9,4% da cifra de negocio das empresas, que no conxunto de España chega a ser do 14,9%, menos da metade da media comunitaria.

Se falamos dun momento de crise no que se discute o cambio de modelo económico, vemos que a diferenza doutros países da UE, aquí na vez de estudar as necesidades do gasto en I+D e os sectores onde incrementalos, diminúe o gasto e non se produce reestruturación algunha que nos permita albiscar un futuro máis competitivo. O problema non é tanto que haxa poucos fondos para I+D, senón en como se gastan.


¿Cal é a capacidade innovadora galega?

O informe SISE-2008 elaborado no 2010 pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnoloxía (FECYT), ofrece indicadores de produción científica de Galicia medidos polo número de documentos publicados segundo a base de datos ISI. Segundo estes datos temos para esa data que Galicia ocupa a quinta posición en numero de publicacións científicas entre o total das demais rexións españolas. Se ademais o comparamos á produción científica ISI e o gasto en I+D, Galicia presenta o menor gasto por documento científico publicado en revistas do ISI. O que a primeira vista podería facer pensar que os investigadores galegos son máis produtivos e eficientes, e con menos recursos producen maior número de resultados. As menores remuneracións poden ser outro factor explicativo, pero nese resultado pode influír tamén a estrutura de custos dos diferentes campos científicos e o maior peso relativo en Galicia da I+D universitaria, máis propensa á publicación que á transferencia, se comparamos os datos de publicacións co número de patentes obtidas polas tres universidades galegas e a súa aplicación posterior en produtos comercializados.

Como antes comentabamos ao observar a balanza comercial tecnolóxica vese que as exportacións de produtos de alta tecnoloxía segue sendo deficitaria, provocando dependencia exterior. Este desequilibro é resultado de múltiples causas que prenden as súas raíces na historia da industrialización española, no carácter centralista da configuración do sistema de I+D, da localización da industria e os servizos tecnolóxicos públicos, e na carencia dunha política ambiciosa de I+D durante as primeiras décadas da nosa autonomía. Todo iso repercute no reducido esforzo en I+D do sector empresarial e nunha política pública afastada da lectura global da potencialidade dos nosos recursos.

Os principais factores que están a dificultar as actividades de innovación entre as empresas galegas relaciónanse co aspecto financeiro da innovación (custo da innovación, falta financiamento externo e falta de fondos propios). Polo que se pode observar, os factores financeiros afectan en maior medida ás empresas innovadoras galegas que ás do resto de España. Outra importante barreira para estas empresas é o dominio do mercado por empresas xa establecidas.

Padecemos as consecuencias dunha longa etapa na que os recursos para I+D e innovación non eran prioritarios na estratexia de gasto do goberno galego, cun número moi grande de empresas con poucos asalariados e pouca capacidade de investimento en innovación, e co gasto máis elevado nunha investigación básica da que se aproveitan máis outros países que nos mesmos. Con estes precedentes, no futuro debera facerse unha mellor lectura das potencialidades desa gran masa de pequenos empresarios, e das posibilidades reais de usar o tecido investigador en relación á produtividade, albiscando novos nichos de mercado, para que a innovación impulse novas empresas con novos produtos que axuden a diminuír a nosa dependencia tecnolóxica.


¿Estase a desequilibrar a balanza cara ao lado da i minúscula?

A innovación está a gañar terreo a grandes pasos. De ser a i minúscula (I + D + i = Investigación, desenvolvemento e innovación) ten pasado a ser a protagonista das políticas emerxentes en ciencia e tecnoloxía, como o reflicten a Axencia Galega de Innovación e o Plan Galego de Innovación.

Tras constatar durante tempo a desproporción entre a produción científica das universidades galegas e a transferencia en forma de patentes, produtos e desenvolvemento de empresas, dá a impresión de que se quixese recuperar o tempo perdido a toda velocidade, co desenvolvemento de programas moi focalizados en innovación e transferencia tecnolóxica (con, por exemplo, importantes partidas presupostarías dedicadas á contratación de técnicos de transferencia e outras accións en innovación). Se ben a recompensa esperable desta política é un incremento do número de patentes e desenvolvemento empresarial, podería existir o perigo de descoidar a I maiúscula, a investigación.

Manter a bo ritmo a obtención de novos coñecementos é fundamental para favorecer a innovación, e obter estes novos coñecementos é un proceso caro, moitas veces longo e que debe alimentarse sen esperar moitas veces un retorno a curto prazo. Apostar por proxectos de investigación novidosos e arriscados é, igualmente, esencial.


¿Como se pode favorecer a innovación nas empresas?

Outra cuestión aberta é onde ten a innovación o seu lugar natural. Mentres que o coñecemento e as ferramentas para adquirilo están nos centros de investigación (en Galicia, fundamentalmente nas universidades), os problemas e necesidades de mellorar produtos e servizos coñécenos as empresas. En Galicia o 90% das empresas son Pemes e só o 0.1% das empresas presentan algunha actividade investigadora. Polo tanto parece imprescindible achegar grupos de investigación e tecido empresarial, ademais de potenciar tamén nas empresas a cultura innovadora. Os programas para incorporar investigadores ás empresas, como o Torres Quevedos, non parecen ter tido os resultados esperados. Cantos dos investigadores integrados continúan nas empresas? E, o que é máis importante, cantos levan a cabo un labor fundamentalmente investigadora nestas?. Probablemente o mecanismo máis axeitado para a nosa rexión deba ter en conta as características do tecido empresarial en Galicia, que só en casos raros está preparado para integrar a investigación na súa organización.


¿Deben ser os investigadores emprendedores?

Por outra banda hai unha sensación crecente de que se está a tratar de convencer a todos os investigadores para que fagan tamén innovación, integrando cada vez máis labores de transferencia no seu quefacer diario. Sendo tan necesario como é incrementar o gusto polo emprendimiento, parece ilóxico pretender que un bo científico sexa tamén un bo innovador ou emprendedor. Como se explicou no primeiro punto deste artigo, as actividades de investigación e innovación son diferentes, e no mundo superespecializado onde vivimos a diversificación implica unha perda de produtividade.

Os investigadores, en xeral, precisan poder concentrarse en resolver as preguntas de investigación, en desenvolver os experimentos necesarios para adquirir os novos coñecementos nun contexto libre de prexuízos, e este proceso pode verse prexudicado por criterios e obxectivos orientados a transferencia de dito coñecemento. O perfil psicolóxico do galego ven caracterizado pola responsabilidade, introversión, escepticismo, constancia, xenerosidade, niveis baixos de ego, e paciencia, amosando unha personalidade máis favorecedora cara a labor investigadora que cara ao emprendimento.

Algúns investigadores terán espírito emprendedor, e deste xeito xorden spin-offs, pero non é necesario nin sequera conveniente, que todo investigador estea dotado dun carácter emprendedor. Polo tanto, hai que desenvolver outras estratexias de relación entre a I de investigación e a i de innovación, e estas probablemente deban dirixirse a favorecer os convenios e proxectos colaboradores entre institucións públicas de investigación, ás que pertencerán os investigadores, e empresas que se encargarán da comercialización co apoio de xestores de transferencia.


¿Existe unha boa educación en innovación e transferencia?

Se o brazo executor da innovación radica nos modelos de innovación, incluíndo tanto a capacidade de planificación domo o deseño do proxecto, o motor da innovación está nas novas ideas. A creatividade é un ingrediente fundamental neste proceso, e só educando mentes creativas poderase fomentar a potencia innovadora dunha sociedade. O noso sistema educativo adoece, en todos os seus niveis, duns métodos baseados demasiado a miúdo na aprendizaxe pasiva, máis que na formulación e resolución de problemas. Isto enlaza con outro dos relatorios deste debate, a importancia de "Educar para emprender".


¿Representa o noso sistema de investigación un obstáculo para a innovación e transferencia?

Galicia presenta unha porcentaxe de investigadores/persoal total superior á media comunitaria e española, ao contrario que no sector empresarial, cunha porcentaxe de investigadores/persoal total moi reducido. Se observamos a porcentaxe entre persoal (ou investigadores) en I+D/emprego total advírtese unha baixa proporción tanto de persoal total (0,75%) coma de investigadores (0,52%) destinados a labores de I+D. Ao comparar estes porcentaxes coa media da UE, observase que temos un nivel de custos medios inferiores porque o persoal de I+D manexa menos recursos e percibe menores remuneracións, menor cando nos referimos aos investigadores que cando nos referimos ao persoal total. O que non reverte en maior eficacia, senón nunha maior precariedade e inestabilidade no traballo dos investigadores, o que dificulta a planificación a longo prazo do sistema de investigación.

Comparando os diferentes sectores institucionais observamos que o peso do persoal de I+D no sector empresarial é moi baixo, un terzo do total, e significativamente menor que o seu peso en termos de gasto, o que suxire que o persoal de I+D das empresas manexa máis recursos que os universitarios ou os do sector público. En comparación coa UE o sector empresarial é o que evidencia unha maior distancia, aínda que menor que en termos de gasto, o que parece indicar que o persoal de I+D das empresas galegas manexa proporcionalmente recursos moi inferiores aos dos seus homólogos europeos. O único sector en que Galicia presenta unha porcentaxe superior á media comunitaria é o universitario (particularmente no caso da categoría de persoal investigador); non acontece iso en termos de gasto, o que tamén revela que os universitarios galegos manexan menos recursos que a media comunitaria ou perciben remuneracións proporcionalmente inferiores.

Con estes datos o sistema de investigación en Galicia amosase moi ineficaz para o desenvolvemento de novas estratexias de relación I+D+i. Máxime se á precariedade e menor gasto recibido engadimos que as universidades contan cunhas estruturas arcaicas de goberno baseadas nos modelos universitarios clásicos (departamentos con elevados niveis de endogamia, intereses de poder en conflito cos intereses dos proxectos innovadores e de transferencia, obrigas docentes que impiden a dedicación que requiren os procesos de innovación, etc), con modelos de xestión centrados na investigación, e con investigadores que a miúdo temen compartir información competitiva coas empresas, e que en ocasións ofrecen produtos e servizos directamente ao cliente.

Para que o noso sistema de investigación non sexa un obstáculo para a innovación e transferencia, as OPIs deberan converterse en “partners” fiables para as empresas, crear sinerxías, e non potenciais competidores desleais, e empregar modelos de xestión da innovación compatibles cos modelos de xestión empresarial. En definitiva, para que se incrementen e prosperen os convenios coas empresas hai que flexibilizar as políticas de persoal que distingan os roles do investigador e do innovador/emprendedor, as políticas de contratación de novo persoal investigador/innovador, e desenvolver novos instrumentos de financiamento (capital risco, business angels, fundacións, etc.) que aposten e faciliten o artellamento de proxectos de innovación relevantes.


¿Que outros factores afectan á efectividade dos investigadores dirixida á transferencia?

O investigador non ten en xeral a transferencia integrada no seu quefacer rutineiro. É necesario ter en conta as motivacións dos investigadores. Ademais de razóns culturais e educativas para iso, que están a cambiar, se queremos que o investigador se implique máis en innovación e transferencia é fundamental tamén que se defina e se implemente unha carreira investigadora na que as accións de transferencia sexan recompensadas.

Isto non sucede así na actualidade, pois a produción científica medida polas publicacións segue imperando como parámetro para avaliar a carreira dun investigador. As teses doutorais requiren a publicación de artigos. É máis rendible para a carreira investigadora publicar artigos que desenvolver un invento ou contribuír á súa explotación por unha empresa. Sendo así, o investigador valora como un estorbo o tempo investido en cuestións relacionadas con innovación e transferencia.

Mentres o sistema de consolidación do emprego se basee, na maior parte dos casos, en méritos adquiridos a través da docencia, o investigador estará absorbido entre as súas clases, as súas publicacións e as oficinas de transferencia tecnolóxica, e o seu persoal e as actividades propostas por estes seguirán sendo alleas ao seu traballo cotiá.

É preciso, en resumo, levar a cabo cambios profundos na carreira investigadora e na súa avaliación para motivar o investigador a colaborar regularmente coas empresas para conseguir innovación e transferencia.


¿Existe un plan estratéxico ben definido en Galicia en relación coa innovación?

Presentouse recentemente a posta en marcha da nova Axencia Galega de Innovación, que formula como obxectivo fundamental reformar a xestión do coñecemento e priorizar a innovación empresarial, mover a I+D+i das OPIs á empresa e desenvolver ferramentas para medir os resultados. Un novo perfil de profesionais chamados a desempeñar un papel importante no novo modelo serán os xestores de innovación, coa visión posta en sistematizar a innovación como ferramenta de competitividade nas empresas.

A comunidade científica de Galicia está á expectativa, esperando coñecer de primeira man os detalles deste novo plan, consciente da importancia da innovación pero tamén esperando que se continúe co esforzo que se viñera realizando nos últimos anos en investigación.

A oscilación á baixa en investigación e contratación (renovación) dos investigadores durante o 2010 corta o incremento no fomento da I+D. O recorte do gasto público a partir do ano 2009, limita ao volume de recursos e altera as prioridades e á continuidade dos instrumentos utilizados, en particular aos do sistema de innovación. O impulso dado estes últimos anos perderase de seguir coa diminución no gasto, e/ou non impulsar un modelo que cando menos permita coordinalo baseándose en criterios de produtividade. O novo plan debera ser sostido no tempo e requirirá de reformas estruturais para que o aumento de absorción de recursos se realice de forma eficiente, e as empresas adopten unha estratexia moito máis activa na realización de actividades de I+D.

O desexable sería ter programas ou plans a medio e longo prazo, similares os programas marco da UE, e que a súa execución fose independente da cor política do goberno, e dos prazos que marcan as lexislaturas.

Estivemos a construír unha economía asentada na especulación, a construción e a explotación intensiva dos nosos recursos naturais, e a crise obríganos agora a repensar o futuro sobre novas bases, situándonos fronte dunha economía cunha débil capacidade innovadora. Durante anos as Administracións Públicas descoidaron a asignación de recursos á I+D e a innovación. E mesmo nos anos nos que se incrementaron estes recursos, os resultados foron modestos, tanto polo feito de ter unha vida demasiado curta para producir efectos, como polo feito de tentar construír unha economía innovadora con accións sectoriais dende as direccións xenerais con competencias en I+D ou innovación.

Se estas accións non van acompañadas de cambios incitando ao investimento en actividades innovadoras e intensivas en capital humano de alta cualificación, é difícil que emerxa de verdade unha economía innovadora. Sen un cambio claro nese campo resultarán baleiras as chamadas ao desenvolvemento do espírito emprendedor, os posuidores de coñecemento e de ideas non poden converterse en emprendedores por moito voluntarismo que se lles inculque, se non hai recursos financeiros apropiados, e estes non aparecerán se os negocios están noutro tipo de actividades.


Referencias bibliográficas.

European Commission. Enterprise and Industry. "PRO INNO Europe® Paper No. 15 'European Innovation Scoreboard 2009'”.

Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT). “Informe SISE. Análisis de las convocatorias del Plan Nacional 2008-2011, correspondiente al año 2008”. Madrid, 2010.

Instituto Nacional de Estadística (INE). “Estadística de I+D 2009”.

Sanz Menéndez, Luís (editor), Cruz Castro, Laura. “Análisis sobre Ciencia e innovación en España”. Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT). Madrid, 2010.

Vence Deza, Xavier. “Sistema gallego de innovación y políticas de innovación: balance de una década”. Revista galega de economía, vol. 19, USC 2010

Xunta de Galicia, Consellería de Innovación e Industria. “Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (PGIDIT) 2006-2010”. Santiago de Compostela, 2006.





No hay comentarios:

Publicar un comentario