Powered By Blogger

EDUCAR PARA EMPRENDER

Miguel Alonso Alonso, Tania Lado Insúa, Fernando Cela Díaz, Xoana González Troncoso, Carmen Varela Castro, Andrea Pousada Casal.
http://vimeo.com/17886239

Nota: Estas liñas representan unha serie de ideas xurdidas de conversacións, reflexións e algunha lectura sobre un tema de especial relevancia para o desenrolo de Galicia, a educación do espírito emprendedor, pero do que ningún dos autores pode considerarse experto. O produto é resultado en gran parte das nosas experiencias como investigadores e profesionais galegos na diáspora, concretamente nos Estados Unidos, o país que é tradicionalmente considerado como o paradigma do emprendemento.

¿Qué sería da vida se non tivésemos o valor
 de tentar algo novo? (Vincent Van Gogh)


A educación é un factor moi importante no desenrolo do espírito emprendedor dun individuo, pero debe entenderse nun contexto amplo e de influencias complexas. Máis aló dos centros docentes, a educación que ten lugar no núcleo familiar é crítica (estímase que ata un 60% dos emprendedores en España teñen un pai ou nai autoempregados). Ademais, outras influencias como os círculos sociais, os medios de comunicación, o pulso da vida nas cidades e pobos, e o contexto económico, social e político tamén son determinantes.

A manifestación de condutas emprendedoras nunha sociedade depende fundamentalmente da óptima interacción de tres factores: individual, ambiental e situacional. Nas liñas seguintes repasamos algúns aspectos destes tres factores que poden ter relevancia para promover o espírito emprendedor no ámbito educativo en Galicia.


O factor individual: ¿temos os galegos unha mentalidade emprendedora?

Para respostar a esta pregunta é necesario coñecer qué define ó emprendedor como individuo. Nas últimas décadas se realizaron varios traballos nesta dirección, sobre todo baixo un enfoque psicolóxico e co estudio da personalidade humana baseada na análise de factores, como por exemplo o modelo dos cinco grandes (Big Five) de McCrae e Costa, 1987. As conclusións destes traballos apuntan a que a personalidade do emprendedor combina altas puntuacións nas dimensións de “responsabilidade” (determinación, autodisciplina) e “apertura mental” (imaxinar ou aceptar novas ideas e experiencias), con niveis baixos de “neuroticismo” (inestabilidade emocional, tendencia á inseguridade) e “amabilidade” (preocupación e sensibilidade para cos outros e as súas necesidades). Estas características contrastan, alomenos en parte, coa inseguridade e baixa propensión a aceptar o novo e arriscado que tipicamente se atribúen á idiosincrasia galega, consideradas resultado histórico da dispersión da poboación e as adversidades do clima .

Galicia e, sobre todo, o rural galego son referidos en textos literarios cun trasfondo psicolóxico de envexa, desconfianza, superstición e nostalxia. Debido á limitada información rigorosa sobre o tema, é difícil determinar canto disto é –ou era- real e a proporción de ficción literaria. En calquera caso, existen claras evidencias de que a Galicia contemporánea, polarizada máis que nunca en centros urbanos, está cada vez menos ancorada estrutural e mentalmente ó campo. Estudios de estereotipos realizados nas décadas pasadas no resto de España poñen de manifesto que entre os factores cos que se categoriza á xente galega fora das nosas fronteiras están a responsabilidade, capacidade de traballo, a benevolencia e a capacidade de sufrimento, pero tamén se nos segue a definir como pechados, supersticiosos e desconfiados.

Estudios sociolóxicos recentes suxiren un alto nivel de autoestima nas nosas cidades, e un progresivo aumento da modernización da cultura urbana galega. Unha enquisa de Sondaxe realizada a finais do 2000 revela unha representación significativa da tipoloxía social de xoves dinámicos, que ocuparían un 17,4% da poboación das cidades galegas. Estes xoves dinámicos caracterízanse por ser abertos e independentes, buscando a autorealización, a liberdade e a independencia persoal, pero sen que sexa a expensas de perder o compoñente de disfrute na vida. Ademais, este subgrupo de xoves caracterízase por darlle menos importancia ó traballo e ós cartos que as xeracións previas. Esa combinación de valores, crenzas e comportamentos non semella ser a máis óptima para o xurdimento de actividades emprendedoras, pero en calquera caso supón unha aproximación diagnóstica á realidade na que basear futuros análises e actuacións.

¿Cómo son os emprendedores no noso entorno? Desde o punto de vista psicolóxico, nunha enquisa que comparou a opositores e emprendedores españois pode estenderse o dito anteriormente. Os emprendedores teñen máis autoconfianza e percepción de control sobre o seu destino, toman máis decisións, aceptan mellor o risco -sempre que sexa moderado-, perseguen metas máis claras, son máis individualistas, enérxicos e dominantes, teñen un mellor concepto de si mesmos, utilizan un razoamento analítico por medio da lóxica, están desconformes coa rutina, non buscan acomodarse ó mundo, e non establecen vínculos afectivos e lealdades moi fortes. Segundo o informe executivo do Global Entrepreneurship Monitor (GEM 2008), o perfil actual do emprendedor galego é o de un home duns 40 anos que vive no entorno urbano. Só un 15% das accións emprendedoras galegas se levan a cabo nas áreas rurais.


O ambiente para emprender en Galicia: barreiras a superar

As barreiras que frean o desenrolo do espírito emprendedor nunha sociedade son fundamentalmente de tipo regulatorio, financieino e sociocultural. De todas elas, as barreiras socioculturais son especialmente relevantes e quizais as máis difíciles e lentas de cambiar. Os rasgos socioculturais dun pobo vense reflexados nunha serie de actitudes, valores e crenzas que poden impedir ou facilitar a promoción, mantemento e reforzo da innovación e o emprendemento, afectando tamén ós aspectos educativos. No caso concreto de Galicia, o compoñente sociocultural é hostil de cara ó emprendedor. Tende a existir unha aversión social ó risco e baixa tolerancia a erros, que se transfire ó alumnado, ó seu entorno social inmediato (familia, amigos), ás institucións educativas, ás empresas e á sociedade en xeral. Abunda unha percepción fatalista, de falta de control sobre o propio destino (chegando ás veces á desesperanza), combinada con baixa confianza e estima cara as institucións. Por outra banda, téndese a buscar a estabilidade como forma desexada de vida. O modelo de éxito en moitos casos está baseado nunha concepción miópica da vida, onde o ideal é conseguir reforzos con pouco traballo, e sen que este interfira cun venerado –e ás veces aditivo- culto ó disfrute. Hai tamén unha arraigada primacía da igualdade sobre a liberdade, que a cotío ocasiona malentendidos. Por exemplo, no caso das relacións profesionais ou as interaccións entre o mundo académico e o empresarial, calquera iniciativa que achegue intereses privados e incentivos económicos para explotar o coñecemento –que é a base da transferencia de tecnoloxía-, tende a valorarse negativamente e con desconfianza, hasta o punto de ser percibida como un sinal de arrogancia por parte de quen o intenta, e unha firme ameaza de usurpación da Institución, que -se asume- debe manterse igualitaria e proteccionista. En consecuencia, a academia tende a ollar á industria e ós seus motivantes comerciais e económicos con recelo, e esta última non adoita depositar a súa confianza na universidade para atopar solucións prácticas, rentables e dinámicas ós seus problemas.

Hai actitudes, crenzas e percepcións de orixe sociocultural que deberían ser superadas, ou polo menos autoanalizadas, para facer máis doado o progreso, a innovación e o desenvolvemento dunha cultura empresarial forte en Galicia. Estas influencias de índole social sobre o comportamento ocorren ademais de xeito moi inconsciente, e desencadean reaccións fundamentalmente automáticas, en base á análise rápida da realidade e ó cotexo inmediato cos esquemas adquiridos ó longo da vida. Cambiar todos estes condicionantes socioculturais plantexa innumerables retos prácticos. Por exemplo, un aspecto a ter en conta é o feito de que Galicia é das comunidades con máis alta porcentaxe de funcionarios en España, en torno ó 23% (en 2010). A maior abundancia de traballadores dependentes de institucións, menor probabilidade de exposición social a experiencias de emprendemento. Noutras palabras, na nosa terra, máis que noutros lugares avantaxados de España, é máis fácil ter coñecidos ou amigos funcionarios, o que reforza aínda máis a situación de status quo desas opcións profesionais baseadas na dependencia.

Como resultado da adversidade do entorno sociocultural galego para o emprendemento, moitos optan por marchar antes que ceder e adaptarse. É ben coñecido o éxito da xente galega no exterior, o que confirma que en Galicia a material prima –a individualidade- é moi boa, pero falla o entorno. Nunha reseña histórica sobre a constitución da Casa de Galicia de Nova York pódese ler unha descrición moi ilustrativa neste senso sobre os seus fundadores, galegos emigrados a América nos anos 40: “[…] pertenecían a una generación extraordinaria […] no cabe duda de que las personas que huyeron de Galicia eran los buscavidas, arriesgados, emprendedores y no conformistas, precisamente aquellos individuos que en un ambiente libre forman parte del núcleo que la suele dar una vitalidad esencial a la cultura y economía de una nación. La prueba del potencial innato de los inmigrantes gallegos, muchos de ellos campesinos y jornaleros que se vieron obligados a abandonar Galicia, generalmente sin oficio o una educación adecuada, se llegó a ver, si no en sus acontecimientos, sí en el éxito de los hijos y nietos que supieron aprovechar las generosas oportunidades de la nación anfitriona. Fue esta clase de gente, hombres y mujeres inteligentes todos ellos corno diamantes sin pulir, que levantó una de las grandes instituciones étnicas de Nueva York, Casa Galicia[…]”. Na actualidade a realidade de Galicia é similar, miles de xoves galegos -probablemente os que teñen un perfil psicóloxico máis emprendedor- vense obrigados a deixar a terra cada ano en busca de lugares máis receptivos á sua visión da vida e ás súas inquedanzas profesionais. 


Cara o futuro: ¿signos de mellora?

A pesar de todos estes obstáculos, e reflexo do espírito profundamente arraigado de supervivencia da nosa terra, Galicia ten unha gran potencialidade de xerar emprendemento. Episodios tan diferentes da nosa historia como a xestación do mito de Santiago de Compostela, nos séculos VIII, IX, o mito celta, o legado da comunidade galega no exterior ou, máis recentemente, o fenómeno de Inditex, poden inspirarnos a imaxinar onde poderíamos chegar se canalizásemos de xeito adecuado todo o potencial  creativo e innovador da nosa terra. O cambio da valoración e recepción do emprendemento é esencial para facilitar a implantación de iniciativas en Galicia e sacar proveito do talento individual da nosa terra.

Segundo o informe GEM 2008, na nosa terra a inmensa maioría da poboación non recibiu ningún tipo de formación específica para emprender na educación primaria/secundaria (87,08%), nin posteriormente (86,05%). Sen embargo, as cousas están a cambiar. Nos últimos anos aumentaron enormemente os esforzos para promover o espírito emprendedor no ámbito educativo, sobre todo no sistema universitario galego. As nosas universidades organizan regularmente concursos de empresarios, competicións de ideas, premios para proxectos innovadores, conferencias de emprendedores, etc. As incubadoras/viveiros de empresas esténdense pola nosa xeografía e cada vez están máis presentes nos campus. A USC ven de inaugurar o edificio Emprendía, un novo espazo que ten como obxectivo promover o intercambio intenso entre a investigación e a innovación compartindo o mesmo teito. Na Universidade de Vigo, a Cátedra Bancaja Xoves Emprendedor@s ven de cumprir dous anos. Estas e outras iniciativas complementan a outras xa existentes por parte de institucións consolidadas, como FEUGA (Fundación Empresa-Universidade Galicia), os paquetes económicos do IGAPE (Instituto Galego de Promoción Económica) da Xunta de Galicia, e outras organizacións (bancos, caixas de aforro, o Consorcio Zona Franca de Vigo, etc). Un programa prometedor desde un ángulo diferente é o Erasmus for Young Entrepreneurs, que comenzou en 2009 e que pode permitir a xoves galegos vivir nunha realidade sociocultural diferente á nosa, coa posibilidade de aprender novas estratexias para superar as barreiras do noso entorno e fomentando unha vocación internacional entre os xoves desde cedo. Con todo, a pesar destes cambios substanciais, non atopamos datos que suxiran evidencias de avaliación e seguimento de preto destes procesos. Sería necesario facer estudios detallados para identificar e monitorizar a evolución dos factores socioculturais relacionados coa xeración de emprendedores. Isto sería un paso fundamental para garantir o éxito da implantación de estratexias específicas para o futuro nosa terra. Ademais, hai poucas accións nos niveis máis elementais do sistema educativo. As experiencias en etapas precoces poden axudar ó fomento do espírito emprendedor, favorecendo a adquisición de habilidades, coñecemento, valores e actitudes positivas cara o autoemprego e a creación empresarial. En xeral, o enfoque educacional requirido é diferente da abordaxe tradicional (Táboa 1). O establecemento de medidas estruturais e de apoio financieiro debe complementarse con estratexias de promoción do autoemprego como forma atractiva e viable de desenrolo profesional. O fluxo básico do proceso empresarial (Táboa 2) abrangue un compoñente de percepción de desexabilidade, que está moi ligado a factores socioculturais. É preciso realizar actuacións dirixidas neste sentido.


Estratexias xerais para mellorar o entorno galego cara a xeración de emprendedores, con énfase na educación:

  • Analizar as circunstancias e características específicas de Galicia, a través da avaliación e do seguimento regular do emprendimento, os resultados da iniciativas en curso e a súa interacción co sistema educativo. Fomentar o intercambio entre as distintas partes interesadas, posibilitando a aprendizaxe e realizar esforzos coordinados e eficientes.

  • Aumentar a visibilidade dos empresarios e emprendedores de Galicia como modelos positivos e aumentar o seu prestixio social para facilitar a aparición de vocacións emprendedoras entre os xoves.

  • Informar, educar e, sobre todo, inspirar ós mozos e mozas de Galicia. Estimular e fortalecer a exploración e a curiosidade en xeral e, en concreto polo mundo empresarial, e ofrecer oportunidades para experimentar e descubrir situacións e escenarios próximos á realidade. Introducir ó alumnado ós procesos de comercialización do coñecemento e da tecnoloxía.

  • Inculcar o espírito emprendedor dende cativos. Fomentar a independencia e o autoemprego como opción de carreira atractiva e reforzar a vocación de liderazgo entre os estudantes.

  • Establecer programas, políticas e redes sociais para promover as interaccións entre escolas, empresas e sociedade en xeral.

  • Promover a internacionalización e a participación do sector privado e do público en xeral no proceso de educación para emprendedores. Estes factores tamén poden axudar a garantir o mantemento das iniciativas empresariais emerxentes na universidade.

  • Fortalecer ós grupos con menor iniciativa para o emprendemento e a empresa con actividades educativas dirixidas (por exemplo, para as mulleres e os residentes en áreas rurais).


Cinco ideas concretas para aumentar o emprendemento en Galicia a nivel educativo

A globalización e un concepto que leva a grandes malentendidos dado que en xeral se usa o termino para considerar un único mercado mundial. Esta idea é errónea, en realidade as multinacionais de máis éxito adaptan os seus produtos ó mercado local e rexional, non só en base á lexislación vixente na zona, senón tamén en base á súa realidade sociocultural (Rugman 2006). As ideas que aquí propoñemos son unha adaptación á sociedade galega.

CONCURSO CINCUENTA: Creación dun concurso anual para os empresarios galegos como unha plataforma que integra educación, innovación e empresa, baseada na simulación práctica.

¿Qué fai un emprendedor en Galicia cando ten unha idea pero non ten os cartos para realizala? Por desgraza esta situación non parece ser demasiado común, ben sexa por falta de ideas innovadoras a desenrolar ou máis probablemente porque a maior parte delas non chegan nin a ser comentadas por medo ó rexeito. Cando un emprendedor ten unha idea en Galicia, ten que recorrer en xeral a fondos propios privados para a súa realización e nalgúns casos pode acceder a axudas do estado. Precisamos da xeración dun entorno no que non só se poidan comentar abertamente as ideas, senón chegar a un desenvolvemento económico que as impulse ó mercado. Unha persoa que ten unha idea innovadora debería de ser en principio alentada a ter máis e non sumida nunha mediocre negatividade que a desalente tan pronto como expresa esa idea. Non todas as ideas que a sociedade galega ten e vai ter nos vindeiros anos van a ser comercializables, tampouco todas as patentes rexistradas chegan a converterse en produtos, pero unha porcentaxe desas ideas poden chegar a ser produtos estrela dun mercado anteriormente inexistente.
Plantexamos a organización dunha competición estilo á organizada polo Massachusetts Institute of Technlogy (MIT100K) (http://www.mit100k.org/). Propoñemos a implicación de capital privado e exclusivamente coa participación de xurados do mundo real innovador e empresarial. O xurado seleccionador debe cumprir unha serie de requisitos: ser ou ter sido o director dunha empresa de éxito en Galicia, que a súa empresa sexa unha das entidades privadas colaboradoras nos fondos do concurso e que a empresa non dependa nin teña dependido en absoluto de fondos públicos. Este concurso non debe estar limitado a un rango de idades e non debe de predeterminar o nivel de estudios dos candidatos.

A competición se desenvolverá en etapas, ó longo de 6 meses, coa presentación pública dos equipos, as súas ideas, plans de empresas, simulación de escenarios etc. Este concurso precisa ter unha forte énfase sobre o proceso e basearse na práctica, de xeito que o alumno experiencie unha proximidade coa realidade e desenvolva conexións reais co mundo empresarial que garantan a continuidade e a creación de novos proxectos. No desenrolo da idea se promoverán as ideas creativas, a importancia que o produto terá para o individuo ou a sociedade en xeral, a multidisciplinaridade do equipo de traballo e o espírito de equipo. Para a presentación dunha idea a concurso se esixirá un plan e un desenrolo conceptual da idea e un plan e análise das seguintes fases que non deben superar o custe de 50.000 euros (a non ser que se declaren outras fontes de capital) que o concurso require. No caso de que a idea sexa o desenvolvemento dun produto o premio do concurso se destinará maioritariamente a cubrir gastos do deseño a nivel de sistema e o deseño detallado do produto, o seu testado e refinamento (incluíndo prototipado) e finalmente ó desenrolo do sistema de produción e manufacturado do produto. Todas estas fases deben de estar consideradas na proposta. No caso de que a idea sexa relativa o desenrolo dun servizo o premio poderá destinarse a cubrir salarios, instalacións e marketing do servizo durante un período de tempo acordado entre o equipo que presenta a idea e o xurado.

No proceso de selección da mellor idea para o “Concurso 50” hai que considerar, non so o marketing, deseño e análise do manufacturado do produto que o equipo propón, senón tamén cinco aspectos fundamentais de deseño para o éxito de un novo produto (Ulrich e Eppinger, 2008):
§  Calidade do produto/servizo. Verase reflexada no prezo que o consumidor está disposto a pagar por ese produto/servizo.
§  Custe do produto/servizo. Será o factor determinante do beneficio que a empresa obteña.
§  Tempo de desenvolvemento. O tempo que o equipo seleccionado tardou en desenrolar o produto vai a determinar a súa capacidade de competencia en desenrolos tecnolóxicos. O tempo de retorno do capital invertido tamén vai a ser unha parte determinante no éxito da empresa.
§  Custe do desenrolo. O custe do proceso de desenvolvemento do produto e unha parte importante da inversión inicial. 
§  Capacidade de desenvolvemento. É preciso avaliar a capacidade da nova empresa para competir en futuros proxectos en base o desenvolvemento do proxecto inicialmente proposto no concurso.
E importante a creación dun proceso de avaliación do “Concurso 50” e da súa repercusión na sociedade. Para isto propoñemos un sistema de reconto do número de startups xeradas no proceso e un análise da facturación cumulativa dos produtos/servizos xerados.

ESTRATEXIA TEG: Transmisión mediática dos Emprendedores Galegos (TEG) de éxito para aumentar o seu prestixio social e promover actitudes, crenzas e comportamentos favorables para o espírito emprendedor.

Ademais da habitual presenza en xornais e información, propoñemos diversas accións específicas no ámbito dos medios de comunicación. Por unha banda, a realización dunha iniciativa semellante ás conferencias TED (http://www.ted.com/) centradas na innovación e emprendemento en Galicia. Estas conferencias pódense transmitir en horario escolar durante a semana para promover o seu uso en programas académicos a varios niveis. Esta iniciativa pretende achegar o mundo da empresa principalmente ós rapaces de secundaria. Tamén propoñemos a produción anual dun documental con experiencias persoais de emprendedores galegos que podería difundirse tanto nas escolas como nas televisións locais e na TVG no caso de que estivesen interesadas. Por outra banda, suxírese a creación de concursos de televisión para estudantes universitarios e de secundaria onde os equipos compitan no desenvolvemento e implementación de proxectos innovadores. Neste entorno tentaríamos fomentar o chamado “action learning” (Boulden 2006) nos estudantes, isto é,  incitando á creación dunha figura emprendedora que non só se base no desenrolo de capacidades de xestión senón que valore unha aprendizaxe básica mediante a experiencia e o desenrolo da capacidade de basearse neste coñecemento básico para enfrontarse a problemas que están nos límites do seu coñecemento e así continuar aprendendo no proceso. Sadler (2006) propón que hai dúas formas de capturar talento para a empresa: o “recrutamento por viveiros de talento” (nursery recruitment), e o “recrutamento de talento por transplante” (transplanting recruiting). Esta proposta intenta achegarse a creación de emprendedores dende idades tempranas no que sería un “recrutamento por viveiros de talentos”. Esta iniciativa usa o potencial xa presente na sociedade  e apóiao para o máximo desenrolo das súas aptitudes.
¿Qué pasaría se nos como sociedade premiásemos e recoñecésemos os nosos emprendedores? Propoñemos un recoñecemento da figura do emprendedor-innovador na vida diaria mediante o nomeamento de rúas, prazas, institucións, día do emprendedor, etc. Está demostrado que o recoñecemento dunha figura dentro dunha empresa potencia un mellor desenrolo da empresa e un incremento nos beneficios da mesma (Bowen 2006).
O proceso de avaliación desta iniciativa basearase no número de asistentes ás charlas e no número de visitas que reciba a páxina web do TEG.

PROXECTO ÓSMOSE: Promover a osmose na universidade, coa creación de espazos abertos e informais de aprendizaxe interdisciplinar creativo.

Crear espazos que favorezan a converxencia de estudantes de diferentes disciplinas, de modo informal, relaxado, onde podan realizar reunións, mesas redondas e seminarios, pero onde tamén se poda ir comer, falar, tomar café, etc. (un terceiro espazo para universitarios). Estes sitios poderían integrar iniciativas existentes das actividades académicas, tales como asociacións de ex-alumnos, radio, televisión universitaria, etc. e servir así para coordinar asociacións con institucións extra-universitarias e iniciativas globais, como http://www.pecha-kucha.org/ Estes espazos creativos fomentarían as sinerxías, sendo así sementes para o desenvolvemento de ideas e proxectos innovadores. Para atraer e conservar os mellores cerebros é preciso ter un entorno creativo e innovador no que se sintan cómodos e apreciados para desenrolar a súa labor. O proceso  de atraer talentos recoñecidos chámase “recrutamento de talento por transplante” e complementa o “recrutamento por viveiros de talento” plantexado na iniciativa anterior. Aínda que o salario e importante na hora de decidir o lugar de traballo ou a empresa, a xente con talento, e en xeral os emprendedores, valoran de forma significativa a motivación e a efectividade da institución ou empresa na que traballan (Sadler 2006).

É preciso dotar ás universidades de máis canles de comunicación entre escolas e premiar as estratexias colaborativas. Na universidade galega, coma en moitos outros casos, o potencial está presente, pero tremendamente desaproveitado. Moitas veces miramos ó exterior asombrados polo que se fai en Estados Unidos ou noutros puntos de Europa ou España e non somos conscientes do que fai no laboratorio do lado, ou do que se podería facer en colaboracións interdisciplinares dentro da mesma universidade. Unha iniciativa exitosa nese sentido que se está a por en marcha aquí é o Harvard Catalyst: http://catalyst.harvard.edu/, que funciona como un organismo articulador de grupos de investigación dentro da mesma universidade de cara a innovar e realizar traballos multidisciplinares. Tamén sería importante a creación de laboratorios de converxencia, entendidos coma espazos interdisciplinares de traballo que permitan a xente con inquedanzas nun tema traballar en proxectos conxuntos e organizar eventos – na liña de, por exemplo, DogPatch Labs en EEUU, Garage Lab en Arxentina, ou as conferencias improvisadas vía Meetup. As universidades galegas (Coruña, Santiago e Vigo) precisan evolucionar cara á unificación nunha única Universidade Galega para optimizar recursos e facilitar a interacción da masa crítica.
A avaliación deste tipo de iniciativas pasa polo reconto de startups/proxectos residentes e o número de actividades organizadas en conxunto.

PROXECTO VIVEIRO ou AULAS EXTENDIDAS: Cambiar o paradigma educativo: do coñecemento á práctica, promovendo a aprendizaxe baseada en problemas, estudos de casos e situacións reais coa mediación de innovadores.

O ensino en Galicia tende a ser moi teórico. Con este proxecto intentamos cunha aproximación diferente o desenvolvemento dos “viveiros de talento” (Sadler 2006), creando ambientes ideais para a innovación e o desenrolo de ideas nun entorno previo á saída ó mundo laboral.
Propoñemos a creación dun corpo de educadores, facilitadores e orientadores cunha acreditación baseada exclusivamente en méritos de innovación e emprendemento, independentemente da súa formación académica. O seu rol sería unicamente axudar ós alumnos a descubrir por si mesmos. Facilitaríase a súa entrada no sistema de ensino a través de talleres, seminarios, discusións de casos prácticos, actividades extraescolares, etc. Ex-alumnos das universidades galegas poderían plantear problemas reais da industria que permitan a grupos de estudantes traballar de xeito máis cercano á empresa por un período curto de tempo (~4 semanas). Os estudantes serían considerados membros integrais do equipo da empresa, recibindo crédito académico a cambio, pero non necesariamente compensación económica. Esta iniciativa desenvolveríase no plan de estudos e tamén no seo de sociedades ou clubs de mozos emprendedores, dende a escola secundaria á universidade. Ó mesmo tempo, os educadores poderían actuar como enlaces para as empresas que ofrecen estancias prácticas e como caza-talentos, beneficiándose tamén desta interacción. Esta iniciativa poderíase facer en centros industriais, tecnolóxicos e empresas.
A avaliación desta iniciativa precisa un reconto do número de proxectos realizados e un seguimento por enquisas da satisfacción tanto dos estudantes como das empresas.

ACORDOS INTERNACIONAIS: Creación de acordos institucionais coas principais universidades para acceder a canles de excelencia internacional.

Propoñemos a creación de acordos en sectores estratéxicos coas principais institucións internacionais para mellorar a competitividade e as cuestións educativas relacionadas. Este tipo de acordos permitirían a mobilidade temporal de estudantes e docentes e a interacción en proxectos conxuntos. O capital humano é un dos máis estudados e dificilmente comprendidos valores para as empresas actuais. Se considera capital humano á suma total da intelixencia do individuo baseada nas súas habilidades, entrenamiento e experiencia educacional ó largo da súa vida (Gordon 2006). O capital humano en Galicia poderíase aproveitar e desenrolar en maior medida fomentando a interacción con centros punteiros internacionais. A sinerxía para proxectos conxuntos e formación dos nosos universitarios podería elevar o recoñecemento das nosas universidades a outro nivel. Algúns exemplos en España son o MIT-Zaragoza Internacional Logistics Program, o acordo do Hospital de Valdecilla coa Harvard Medical School para tecnoloxías de simulación médica, o convenio do equipo de Ferrán Adrià con Harvard para desenvolver novas texturas e materiais na cociña ou, a nivel estatal, os acordos de Portugal co MIT, Harvard Medical School, University of Texas-Austin e Carnegie-Mellon.


Bibliografía clave consultada:

Álvarez, D. Galegos na diáspora 1989-2009. Xunta de Galicia. 2009.

Boulden G. 2006. Action Learning. . En Business the Ultimate Resource por Goleman D. A & C Publishers Ltd. 2006, 2ª edición.

Bowen R.B. Making recognition and rewards a “Whole-Person” Experience. En Business the Ultimate Resource por Goleman D. A & C Publishers Ltd. 2006, 2ª edición.

Chacón Fuertes F.  Estereotipos regionales de los madrileños. Papeles del Psicólogo 1986;25 Mayo.

Consortium for Entrepreneurship Education. National Standards of Practice for Entrepreneurship Education. http://www.entre-ed.org/

Faro de Vigo. Galicia tiene 10.600 empleados públicos más que en 2009 y representan ya el 23% de los asalariados. 20/12/2010.

Global Entrepreneurship Monitor (GEM). Informe Ejecutivo Galicia 2008. http://www.gemgalicia.org/files/InformeEjecutivoGEMGalicia2008.pdf

Gordon E.E. 2006. Human capital. En Business the Ultimate Resource por Goleman D. A & C Publishers Ltd. 2006, 2ª edición.

Kantis H (Editor), Angelelli P, Koenig VM. Developing Entrepreneurship. Experience in Latin America and Worldwide. Inter-American Development Bank Fundes Internacional. 2005.

Lisón Tolosana C. Antropología de los pueblos del Norte de España: Galicia. Revista de Antropología Social, 1991;0:13-29.

Local Economic and Employment Development (Program), Organisation for Economic Co-operation and Development (Edited by Jonathan Potter). Entrepreneurship and higher education. OECD Publishing 2008.

Martins S (coodinadora ADRIMAG). Barriers to entrepreneurship and business creation. European Entrepreneurship Cooperation. 2004.

Rugman A.M. 2006. Globalization and regional Business strategy. En Business the Ultimate Resource por Goleman D. A & C Publishers Ltd. 2006, 2ª edición.

Sadler P. 2006.Finding and keeping top talent.  En Business the Ultimate Resource por Goleman D. A & C Publishers Ltd. 2006, 2ª edición.

Sánchez Almagro ML. Perfil psicológico del autoempleado. Tesis doctoral. Departamento de Psicología Diferencial y del Trabajo. Facultad de Psicología. Univerdidad Complutense de Madrid. 2003. http://www.ucm.es/BUCM/tesis/psi/ucm-t26888.pdf

Ulrich K.T. e Eppinger S.D. 2008. Product design and development. McGraw-Hill international Edition. 4ª edición

Vázquez Fernández XG. Las imágenes conformantes de la realidad social. Tesis Doctoral. Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración. Facultade de Socioloxía Universidade de A Coruña.  2006.

Zapata M. La Historia de Casa Galicia.

Zhao H, Seibert SE. The Big Five Personality Dimensions and Entrepreneurial Status: A Meta-Analytical Review. Journal of Applied Psychology 2006;91(2):259-71.





Táboa 1. Características diferenciadoras entre o ensino tradicional e as necesidades do emprendedor (modificada de Gibb AA. International Small Business Journal 1993;11(3):11-34).




Ensino tradicional

Necesidades do emprendedor

Fonte de información

Profesor, textos

Intercambio persoal, debate

Papel del alumno

Pasivo: escoitar

Activo: facer

Modo de aprendizaxe

Profesor, textos

Descubrimento (guiado)

Retroalimentación

Pasivo

Dinámico, reaccións de moita xente

Ambiente

Ben organizado e estruturado, con horarios fixos

Flexible, informal

Dispoñibilidade de tempo

Suficiente, sen presión

Reducido, baixo presión

Actitude ante a copia/emulación de outros

Negativa, é penalizada

Positiva, é parte da aprendizaxe

Actitude ante erros

Negativa, aversión ó fracaso

Natural, é parte da aprendizaxe

Material

Apuntes, libros

Resolución de problemas









Táboa 2. Vectores básicos do proceso empresarial (tomado da tese de doutoramento de ML Sánchez Almagro, UCM, orixinal de Shapero & Sokol, 1982).


Factores desencadenantes


(Cambio de traxectoria de vida)
Percepción da desexabilidade


(Desexable)
Percepción da factibilidade


(Factible)













Creación de empresa


Negativos:

-          Despido
-          Insatisfacción laboral
-          Emigración
-          Crise idade, familiar

Entre etapas:
-          Fin de estudios
-          Fin do servizo militar
-          Fin de reclusión

Positivos:
-          Compañeiros de traballo
-          Inversores
-          Amigos
-          Mentores
-          Clientes



Valores culturais

Educación Familiar

Exemplos de compañeiros

Experiencias de traballo

Mentores

Grupos éticos ou relixiosos


Apoio financieino

Modelos

Efectos de demostración

Entorno favorable

Mentores

Habilidades de negociación

Fontes de información

à
à
à


No hay comentarios:

Publicar un comentario